Revista de Estudos Miñoráns

Autoría: IEM (Instituto de Estudos Miñoráns)

Cando presentabamos a nosa anterior entrega da Revista de Estudos Miñoráns e facíamos referencia á COVID19 non pensábamos que un ano despois estaríamos coa mesma andrómena ás costas. Seguramente coidabamos que una pandemia sería pasaxeira no noso civilizado Occidente, despreciando a fortaleza e capacidade de variación dos virus e esquencendo datos históricos anteriores (a peste Cipriana durou 13 anos, de 249 a 262 d.C.; a peste Antonina mantivo enleado ao Imperio Romano 15 anos, entre 165 a 180 d.C., etc). O caso é que seguimos a estas alturas tendo que suliñar nesta presentación a dificultades que para a nosa institución supuxo a aparición deste andazo, xa que non resulta preciso xustificar a falta de actividade, que nunca aconteceu, como amosamos no apartado As novas do IEM. Non só existen no noso Val de Miñor os grandes crustáceos de todos coñecidos, senón tamén outros moito máis efémeros e menos coñecidos, de tamaño milimétrico, que ocupan espacios nas augas interiores da nosa Serra da Groba, como o Tanymastix stagnalis a que fai referencia Agustín Ferreira na nosa primeira achega. Xilberte Manso documéntanos a xestión e nacemento do máis novo dos curros miñoráns, o de San Cibrán, coa primeira entrada de garranos no 1981. Ao tempo que nos lembra a importancia que na vida dos anteriores miñoráns tivo a existencia das burras que aínda hoxe manteñen as súas greas e a ecoloxía dos nosos montes. O activo grupo que encabeza Bruno Centelles e modelou a resposta do IEM e SOS Groba contra as ameazas eólicas expón no seguinte artigo as nosas razóns frente ao desvarío que supón encher o noso país de muíños que sobrepasan con moito as necesidades enerxéticas, aínda que non as arelas de beneficios económicos de grupos externos. A urxencia e o acaído da situación marcan este artigo cunha organización interna moi diferente ao habitual na nosa revista. O descubrimento de novas rochas con gravuras diversas nas freguesías de Porreiras/Insalde (Paredes de Coura) confirman os postulados do chamado Proxecto Equus, hai varios anos exposto nesta mesma revista, e sobre o que agora volven os membros do grupo no que asina en primeiro lugar X.L. Vilar. De entre os primeiros tatexos do noso idioma (bouza é un termo de orixe prerromana) rescata Gonzalo Navaza ousía, un topónimo relicto, da igrexa de San Cristovo, de Couso. O seguinte artigo, da man de Óscar Pazos, identifica tres explotacións mineiras galaico-romanas de ouro, interpretándoas con referencia ás condicións xeolóxicas coñecidas. Remata coa critica a suposicións comúns nas interpretacións xeo-arqueolóxicas da minaría romana e sinala os obxectivos a investigar para avanzar neste coñecemento. Dúas cartas de aforamento en pergameos medievais da igrexa de Santa María de Baiona que se conservan no Arquivo diocesano de Tui, de 1350 e 1402 dan pé a disquisicións de Xulián Maure sobre un modelo de xestión urbanística na Baiona da Idade Media, ao tempo que nos aviva a lembranza dun topónimo desaproveitado, dun oficio do concello xa perdido e mesmo da evolución do prezo da galiña na primeira metade do século XV. Duros tempos para a libertade relixiosa son os que nos mostra J.L. Alonso nas postrimerías do século XIX, cos datos correspondentes aos evanxélicos que teimaron en vivir na súa fe, o que lles supuxo agresións físicas, ser soterrados en cemiterios "para disidentes" ou mesmo o extrañamento que supón a emigración. As bases do I Premio de Investigación Val de Miñor, categoría B, convocado pola Mancomunidade de Concellos do Val de Miñor, inclúen a publicación do traballo premiado, "A represión franquista en Gondomar", da autoría de Elena Crespo, na Revista de Estudos Miñoráns. Así é como nos honramos en dar a luz as circunstancias e detalles da represión, normativa e extranormativa, que como consecuencia da rebelión militar, se manifestaron en Gondomar os días 20 a 24 de xullo de 1936. Luis Carlos de la Peña recorda a obra pictórica de Rafael Alonso que figura no Parador de Baiona. Pecha as nosas achegas deste número o fallo do I Concurso Fotográfico do IEM, celebrado baixo o tema "Paisaxe e Territorio". Expoñemos aquí hoxe as obras gañadoras, nas categorías Xurado e Premio do público, así coma os accésits e as fotografías finalistas. E coa lembranza das nosas actividades nun ano especialmente duro, digno de perdurante esquece.